Patrimonio etnográfico
Peto de ánimas do Xibao Peto de ánimas
- Tomiño, Xibao, S. XX. 1925
- Coordenadas:41.982301, -8.757519
Peto de ánimas situado no lugar do Xibao. Encóntrase pegado ao muro dunha casa e está realizado en cantería. A base apoia directamente no chan e nela leva unha inscrición gravada na que podemos ler «RECUERDO DE/ MANUEL POUSA/ VICENTE/Y SU ESPOSA/ AÑO 1925». A capela presenta cuberta a dúas augas con remate de cruz de brazos cilíndricos. Non ten retablo, pero no seu lugar, dentro da fornela leva
unha cruz en relevo na pedra. No mesado, na parte que sobresae, encóntrase o oco do peto para as esmolas.
Por fotografías máis antigas, sábese que estaba protexido por un peche de ferro, a modo de reixa.
Bibliografía: Fernández de la Cigoña, Estanislao e Loira, Félix: «Cruces, cruceiros e petos da parroquia de Santa María de Tomiño (Tomiño-Pontevedra)», en Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía: Actas do VII Congreso Galego de Cruceiros, 2017. Fernández de la Cigoña, Estanislao: Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Vigo: Ir Indo, 1998. Moure, Isabel e Da Rocha, Juan: «Petos de Ánimas ou esmoleiros de Tomiño», en Asociación de Veciños da Aurora. Boletín Informativo Cultural. Tomiño.