Patrimonio etnográfico
Peto de ánimas e cruz alta do barrio da Pedra Cruz alta e peto de ánimas
- Tomiño, A Pedra., S. XX. 1946
- Coordenadas:41.993908, -8.732354
Peto de ánimas e cruz alta situados no muro dunha finca do Barrio da pedra.
A cruz é sinxela e de sección cuadrangular. O peto, conta cunha capela pechada por un cristal que acolle un retablo reposto e pintado no ano 1994. Está rematada por unha moldura curva sobre a que se dispón a cruz. Na parte superior levaba unha inscrición, hoxe moi erosionada, na que se pode ler o ano 1946. O resto do texto está demasiado deteriorado. Situado no muro dunha finca, na estrada vella a Vilardematos, no lugar do Cotro, xusto no linde coa parroquia de Forcadela, encontramos un monumental peto de ánimas realizado en granito. No corpo principal conta cunha grande fornela, que segundo parece, antigamente, acollía un retablo de madeira coas ánimas. Debido ao seu estado de conservación foi substituído por un novo, feito por Antúnez Pousa. Neste caso podemos ver unha representación das ánimas entre as lapas baixo un Cristo Crucificado.
A parte superior remátase cun frixo liso con cornixa moldurada sobre a que se dispoñen dous grandes vasos decorativos que franquean unha cruz de brazos cilíndricos.
Mirando de fronte ao peto, a man esquerda, e encaixado no muro, encontramos un perpiaño cunha caveira en relevo sobre a que aparece a data 1733 gravada na pedra. Na cara superior ten un burato cadrado, que podería ser para asentar o fuste dunha posible cruz.
Bibliografía: Fernández de la Cigoña, Estanislao e Loira, Félix: «Cruces, cruceiros e petos da parroquia de Santa María de Tomiño (Tomiño-Pontevedra)», en Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía: Actas do VII Congreso Galego de Cruceiros, 2017. Fernández de la Cigoña, Estanislao: Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Vigo: Ir Indo, 1998. Moure, Isabel e Da Rocha, Juan: «Petos de Ánimas ou esmoleiros de Tomiño», en Asociación de Veciños da Aurora. Boletín Informativo Cultural. Tomiño.