Patrimonio etnográfico
Cruceiro do barrio do Barro Cruceiro
- Tomiño, Barrio do Barro, S. XVII. 1669
- Coordenadas:42.000396, -8.735021
Cruceiro situado no barrio do Barro, nunha encrucillada e protexido por unha reixa de ferro. Presenta un chanzo sobre o que asenta unha base cúbica coas arestas superiores rebaixadas. Por todo o bisel das mesmas, leva unha inscrición bastante erosionada pero na que aínda se pode ler « ESTECRVCEROMA
(superior) ANO1669 (inferior)/ NDOACER/REYROISVMEGE/RDOMRO RODRIGUES». O varal comeza cunha peza cuadrangular para dar paso a un fuste cilíndrico e acanalado no que sobresaen dúas esculturas opostas apoiadas sobre peañas, a un lado unha Piedade, e ao outro San Pedro coa chave que o identifica. O capitel é de tipo vexetal e sobre el, descansa a cruz coa Virxe do Rosario nunha das súas caras, e o Cristo Crucificado baixo cartela na outra.
Bibliografía: Fernández de la Cigoña, Estanislao e Loira, Félix: «Cruces, cruceiros e petos da parroquia de San Pedro de Forcadela (Tomiño-Pontevedra)», en Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía: Actas do V Congreso Galego de Cruceiros, 2014. Fernández de la Cigoña, Estanislao: Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Vigo: Ir Indo, 1998.