Árbores
senlleiras
Castiñeiro grande de Castañal Castiñeiro
- Árbore Autóctona
- Especie: Castanea sativa Mill.
- Perímetro normal: 3,66 m (aprox. 1,17 m de diámetro)
- Altura: 22,1 m
- Copa:380 m2
- Parroquia: Barrantes
- Coordenadas: 42.014595, -8.741397
Trátase do maior castiñeiro coñecido en Tomiño, situado na marxe dunha estrada de acceso a vivendas, entre varios predios no barrio do Castañal, aldea de Freixoal situada en orientación norte no val do río Cereixo. O seu diámetro é pequeno comparado cos enormes castiñeiros do oriente ourensán, non obstante, presenta unha copa poderosa, a máis ampla de todas as árbores catalogadas en Tomiño, e que non acadan moitos deses castiñeiros varias veces centenarios. O tronco crece xunto a un muro de grandes bloques de granito de canteira; ábrese en catro pólas desde unha enforcadura situada a uns tres metros de altura, dúas delas de maior tamaño, e a partir de aí continúa ramificando de forma globosa, favorecido pola ausencia de árbores moi próximas. No entanto, o contorno encóntrase maiormente con cuberta forestal. A súa vitalidade semella óptima.
Bibliografía: Jorge Mouriño e Gaspar Bernández: Árbores senlleiras do concello de Tomiño. Tomiño, 2011.